Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2024

10.10.7. Por compra de material escolar

Contía

Os contribuíntes terán dereito a aplicar unha dedución de 15 euros pola compra de material escolar.

Requisitos e condicións

  • Que teñan ao seu cargo fillos ou descendentes en idade escolar obrigatoria. Entenderase cumprido este requisito unicamente cando o fillo ou descendente teña unha idade comprendida entre os 6 e os 15 anos na data de devindicación do imposto.

  • Que a base impoñible xeral e do aforro non sexa superior a 19.000 euros en caso de tributación individual ou a 24.000 euros en caso de tributación conxunta. 

    Para os contribuíntes con residencia habitual en municipios e entidades locais menores cunha poboación inferior a 3.000 habitantes, as bases impoñibles xerais e do aforro non poderán superar os 28.000 euros en tributación individual e 45.000 euros en tributación conxunta (en caso de matrimonio é suficiente que un do cónxuxes cumpra co requisito de residencia nos devanditos municipios ou entidades).

    Non obstante, non existirá ningún límite de base para o contribuínte que sendo residente nos devanditos municipios ou entidades locais menores:

    • Forme parte dunha familia que teña a consideración legal de numerosa, ou

    • Sexa un ascendente separado legalmente, ou sen vínculo matrimonial, con dous fillos sen dereito a percibir anualidades por alimentos e polos que teña dereito á totalidade do mínimo por descendentes, previsto na Lei de IRPF.

    A residencia habitual determinarase conforme aos criterios establecidos na Lei de IRPF aplicandoos ao municipio ou entidade local menor.

  • Que se teña dereito á aplicación do mínimo por descendentes

  • Que os fillos ou descendentes convivan co contribuínte. Cando un fillo ou descendente escolarizado conviva con ambos os dous pais ou ascendentes o importe da dedución ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles no caso de que optasen por declaración individual.

Formalización 

Se tivo a súa residencia habitual nun municipio ou entidade local menor con poboación inferior a 3.000 habitantes marcará o recadro do apartado a) ou o recadro do apartado b) segundo a súa situación.

Adicionalmente, deberá reflectir no recadro "Común" ou no recadro "Titular", conforme ao que se indica a continuación, o número de descendentes en idade escolar obrigatoria tendo en conta que un mesmo descendente só pode consignarse nunha dos dous recadros.

En caso de matrimonio cando ambos os dous cónxuxes teñan dereito aplicar a dedución reflectirá no recadro "Común" o número de fillos ou descendentes  en idade escolar obrigatoria que xeren o dereito á dedución.

Noutro caso ou cando existindo matrimonio optase por unha captura de datos individual  reflectirá no recadro "Titular" o número de fillos ou descendentes en idade escolar obrigatoria que dan dereito á dedución indicando, adicionalmente, o número de persoas que teñen dereito a aplicar a dedución por eses mesmos descendentes.