Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2024

10.13.19. Por gastos de ensino de idiomas

Contía

O 15 % das cantidades pagas polos gastos de aprendizaxe extraescolar de idiomas estranxeiros co límite de 300 euros por fillo.

Requisitos e condicións

  • Os fillos teñen que cursar estudos que correspondan ao segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e ciclos formativos de formación profesional específica.

  • Os fillos polos que se aboan os gastos de aprendizaxe de idiomas teñen que dar dereito ao mínimo por descendentes.

  • A base impoñible xeral e do aforro ten que ser inferior a 20.000 euros en declaracións individuais e 40.000 euros en conxuntas.

  • Se os fillos conviven con ambos os dous pais e estes optan pola tributación individual, a dedución ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles .

    Se ambos os dous proxenitores satisfixesen os gastos, pero só un deles tivese dereito a aplicar a dedución este aplicará a dedución polo importe que satisfixese co límite de 300 euros.

  • O contribuínte deberá dispor dos xustificantes acreditativos do pagamento das ensinanzas obxecto de dedución.

Formalización

O apartado A) cubrirase só no caso de matrimonios con fillos comúns cando ambos os dous proxenitores satisfagan gastos polos devanditos fillos e non optasen por unha captura de datos individual.  

No caso de matrimonios en réxime de gananciais presúmese que o gasto foi satisfeito por ambos os dous cónxuxes aínda que o aboamento fose realizado só por un deles . 

No resto de casos cubrirase o apartado B) indicando, adicionalmente, o número de persoas con dereito á dedución con respecto a eses fillos, consignando un 1 se o dereito á dedución corresponde só ao contribuínte ou un 2 se hai dous proxenitores con dereito á mesma.