Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2024

10.4.12. Por arrendamento de vivenda habitual

Contía

Os contribuíntes menores de 36 anos, e tamén os maiores de 65 anos que non exerzan ningunha actividade laboral ou profesional poderán deducir o 15% dos importes satisfeitos no período impositivo polo arrendamento dunha vivenda habitual no territorio das Illes Balears cun máximo de 530 euros anuais.

A porcentaxe será do 20% dos importes satisfeitos no período impositivo cun máximo de 650 euros anuais cando o arrendamento se realice por:

  • Contribuíntes menores de 30 anos.

  • Contribuíntes que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

  • Contribuíntes que teñan dereito ao mínimo por discapacidade de ascendentes ou descendentes.

  • O pai, a nai ou os pais que convivan co fillo ou os fillos sometidos á patria potestade e que integren unha familia numerosa, ou unha familia monoparental con dous ou máis fillos ou fillas.

A dedución aplicarase polo titular ou os titulares dos contratos de arrendamento. As cantidades satisfeitas polo cónxuxe, que non figure no contrato, non darán dereito á dedución.

Requisitos

  1. Que se trate do arrendamento da vivenda habitual do contribuínte, ocupada efectivamente por este, e que a duración do contrato de arrendamento sexa igual ou superior a un ano.

  2. Que, durante polo menos a metade do período impositivo, nin o contribuínte nin ningún dos membros da súa unidade familiar sexan titulares, do pleno dominio ou dun dereito real de uso ou gozo, doutra vivenda distante a menos de 70 quilómetros da vivenda arrendada, agás nos casos en que a outra vivenda estea situada fóra das Illes Balears ou noutra illa, ou xere, polo contribuínte ou o resto de membros da súa unidade familiar, rendementos do capital inmobiliario durante o mesmo período impositivo.

    En caso de tributación individual o requisito de non disposición deberá cumprirse no contribuínte; no caso de tributación conxunta deberá cumprirse en calquera dos membros da unidade familiar.

  3. Que o contribuínte non teña dereito no mesmo período impositivo a ningunha dedución por investimento en vivenda habitual, aínda que non o aplique.

  4. Que a base impoñible total do contribuínte non supere os 52.800 euros no caso de tributación conxunta e os 33.000 euros no de tributación individual.

    No suposto de familias numerosas ou monoparentais a base impoñible total do contribuínte non poderá superar os 63.360 euros no caso de tributación conxunta e os 39.600 euros no de tributación individual.

    En caso de tributación conxunta, só poderán beneficiarse desta dedución os contribuíntes integrados na unidade familiar que cumpran os requisitos e polo importe das contías efectivamente satisfeitas por estes.

Formalización

  • Importe satisfeito pola persoa que consta como titular no contrato de arrendamento.

    No caso de matrimonio se no contrato figura só un do cónxuxes será este o que poida aplicar a dedución. Se a renda se satisfai con fondos gananciais o cónxuxe titular do contrato poderá aplicar a dedución polo 50 %do importe do alugamento. As cantidades satisfeitas polo outro cónxuxe non dan dereito á dedución ao non ter a condición de arrendatario.

  • NIF do arrendador, se o arrendador non ten NIF deberá consignar o Número de Identificación no país de residencia.

  • Se o arrendamento é satisfeito por unha persoa que convive cos seus fillos sometidos a patria potestade formando unha familia numerosa ou monoparental indicarao marcando o recadro habilitado con esa fin.

  • Se é maior de 65 anos e non exerce ningunha actividade laboral ou profesional indicarao marcando o recadro correspondente.

    O programa trasladará os datos ao anexo B.9 da declaración.