Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2024

10.8.6. Para o fomento da mobilidade

Contía

O contribuínte poderá deducir o 15% das cantidades destinadas á adquisición dun ou varios vehículos de turismo novo que teña a consideración de:

  • Vehículo eléctrico puro.

  • Vehículo eléctrico con autonomía estendida.

  • Vehículo híbrido enchufable con autonomía en modo eléctrico de máis de 40 quilómetros.

Requisitos

  1. O valor de adquisición do vehículo, impostos incluídos, non poderá superar os 40.000 euros.

  2. O vehículo adquirido non poderá estar afecto a actividades profesionais ou empresariais, calquera que sexa o titular destas actividades.

  3. A dedución soamente será de aplicación no período impositivo en que se matricule o vehículo.

    Cando se matriculen no exercicio un ou varios vehículos a dedución pode aplicarse sobre as cantidades satisfeitas para a súa adquisición aínda que, o límite total da dedución non pode superar de 4.000 euros por vehículo.

    No suposto de que o contribuínte tivese dereito á dedución pola adquisición de vehículos eléctricos «enchufables» e de pila de combustible e puntos de recarga recollida na Disposición adicional quincuaxésimo oitava da Lei de IRPF, a contía da mesma minorará o importe máximo de dedución de 4.000 euros con independencia de que a dedución estatal se aplicase nun exercicio distinto ao de matriculación do vehículo.

    O que se dispón neste último parágrafo non é aplicable nin aos contribuíntes falecidos antes do 15 de maio de 2024, nin aos vehículos matriculados antes desa data. Polo tanto, nestes casos o importe máximo de dedución non se minorará no importe da citada dedución estatal.

  4. Se o vehículo foi adquirido por máis dun contribuínte, para os efectos de aplicar a minoración prevista no punto anterior cada un terá en conta exclusivamente o importe da dedución estatal que lle corresponda.

  5. O vehículo adquirido deberá manterse no patrimonio do contribuínte polo menos durante catro anos desde a súa adquisición.

  6. A autonomía en modo eléctrico dos vehículos cuxa adquisición xere o dereito a aplicar a dedución determinarase mediante a aplicación de procedemento WLTP (Worldwide harmonized Light vehicles Test Procedure) ou do procedemento que lle substitúa para os efectos do Imposto sobre Determinados Medios de Transporte.

  7. A adquisición polo contribuínte dun vehículo que xere o dereito á aplicación da dedución, a data desta adquisición e a cantidade efectivamente satisfeita polo contribuínte acreditaranse mediante factura e a dedución soa poderá aplicarse por parte daquel a cuxo favor se emita.

Formalización

Terá que cubrir:

  • O importe satisfeito con dereito a dedución.

  • O número de adquirentes.

  • O número de matrícula. Se adquirise máis de dous vehículos con dereito á dedución fará constar a matrícula dos vehículos de maior importe.

    En declaración conxunta, o programa trasladará as matrículas do vehículo que corresponda á dedución de maior importe nas declaracións individuais.

  • O importe da dedución estatal aplicada na declaración individual e o importe que lle corresponda na conxunta (agás para os contribuíntes falecidos antes do 15 de maio de 2024).