3.2 Renuncia
Os contribuíntes que cumpran os requisitos para aplicar o método de estimación directa simplificada ou o método de estimación obxectiva, poderán renunciar á súa aplicación presentando o modelo 036 de declaración censual.
Cando debe renunciar: durante o mes de decembro anterior ao ano natural en que deba producir efecto.
Os contribuíntes que desexen renunciar ou revogar a súa renuncia ao réxime de estimación obxectiva para o ano 2025 porán exercitar a devandita opción durante o mes de decembro do ano 2024. Tamén se entenderá efectuada cando se presente no prazo regulamentario (1 ao 21 de abril de 2025) a declaración correspondente ao pagamento fraccionado do primeiro trimestre do ano 2025.
En caso de inicio da actividade preséntase a renuncia antes do inicio.
Tamén se entende efectuada a renuncia ao método de estimación obxectiva se se presenta en prazo, o pagamento fraccionado do primeiro trimestre do ano natural, mediante o modelo 130, previsto para o método de estimación directa (renuncia tácita). Se se inicia a actividade renunciarase tacitamente presentando o modelo 130 do primeiro trimestre de exercicio da actividade.
A renuncia terá efectos por un mínimo de 3 anos. Transcorrido este prazo, entenderase prorrogada tacitamente para cada un dos anos seguintes en que resulte aplicable, non sendo que se revogue aquela no mes de decembro anterior ao ano en que deba producir efecto.
A renuncia ao método de estimación obxectiva no IRPF e a posterior revogación a que se refiren os parágrafos anteriores terá os mesmos efectos respecto dos réximes especiais simplificado e da agricultura do IVE.
A renuncia ao método de estimación directa simplificada supón que o contribuínte determinará o rendemento neto de todas as súas actividades pola modalidade normal do método de estimación directa.
A renuncia ao método de estimación obxectiva supón a inclusión na modalidade simplificada do método de estimación directa se se cumpren os requisitos establecidos para esta modalidade, non sendo que se renuncie ao mesmo.