Saltar ao contido principal
Guía práctica para formalización do modelo censual 036

Modelo 117

Utilizarase o modelo 117 (recadro 703 “Alta” no modelo 036 e recadro 723 “Data ”) de declaración-documento de ingreso de retencións e ingresos a conta e do pagamento a conta dos Impostos sobre a Renda das Persoas Físicas, sobre Sociedades e sobre a Renda de non Residentes correspondente a establecementos permanentes, en relación coas rendas ou ganancias patrimoniais obtidas como consecuencia das transmisións ou reembolsos de accións e participacións representativas do capital ou do patrimonio das institucións de investimento colectivo.

Están obrigados a efectuar retencións e ingresos a conta derivados das rendas ou ganancias patrimoniais a que se refire este modelo:

  1. No caso de reembolso das participacións de fondos de investimento, as sociedades xestoras.
  2. No caso da transmisión de accións representativas do capital de sociedades de investimento mobiliario de capital variable, cando estas actuen de contrapartida, as entidades depositarias.
  3. No caso de institucións de investimento colectivo domiciliadas no estranxeiro, as entidades comercializadoras ou os intermediarios facultados para a comercialización das accións ou participacións daquelas e, subsidiariamente, a entidade ou entidades encargadas da colocación ou distribución dos valores entre os potenciais subscritores, cando efectúen o reembolso.
  4. No caso de xestoras que operen en réxime de libre prestación de servizos, o representante designado de acordo co que se dispón no artigo 55.7 e a disposición adicional segunda da Lei 35/2003, do 4 de novembro, de Institucións de Investimento Colectivo.

Nas transmisións ou reembolsos de accións ou participacións representativas do capital ou patrimonio das institucións de investimento colectivo en que non proceda a práctica de retención conforme aos tres números anteriores, estará obrigado a efectuar un pagamento a conta o socio ou partícipe que efectúe a transmisión ou obteña o reembolso