Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2019.

Modificación do borrador de declaración

O contribuínte poderá instar a modificación do borrador de declaración do IRPF  cando considere que teñen que engadirse datos persoais ou económicos non incluídos no mesmo ou advirta que contén datos erróneos ou inexactos.

A modificación do borrador de declaración poderá realizarse a través dalgunha das seguintes vías:

1. Por medios electrónicos

  1. A través da Sede electrónica da Axencia Estatal de Administracion Tributaria

    O contribuínte pode modificar o seu borrador a través da Sede electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria, no enderezo electrónico https://sede.agenciatributaria.gob.es, accedendo ao Servizo de tramitación do borrador/declaración. Para iso, o contribuínte deberá facer uso dalgún dos sistemas de identificación indicada no apartado anterior (certificado electrónico recoñecido, sistema Cl@ve PIN ou número de referencia).

    No suposto de modificación do borrador de declaración pola opción de tributación conxunta deberá facerse constar tamén o Número de Identificación Fiscal (NIF) do cónxuxe e o seu número de referencia ou Cl@ve PIN.

  2. A través do teléfono

    O contribuínte pode modificar o seu borrador mediante chamada ao número 901 200 345 (accesible tamén a través do teléfono 91 535 68 13 ), comunicando o seu Número de Identificación Fiscal (NIF) e o seu número de referencia, previamente solicitado pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, exclusivamente para aqueles contribuíntes que cumpran os requisitos que consten na Sede electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria en Internet. Nos supostos de declaración conxunta formulada por ambos os dous cónxuxes cumprirá, ademais, comunicar o NIF así como o número de referencia do cónxuxe.

    Con esta finalidade, pola Axencia Estatal de Administración Tributaria adoptaranse as medidas de control precisas que permitan garantir a identidade dos contribuíntes que efectúan a solicitude de modificación do borrador de declaración.

2. Persoalmente

O contribuínte pode modificar o seu borrador mediante a súa comparecencia, previa solicitude de cita, en calquera Delegación ou Administración da Axencia Estatal de Administración Tributaria, achegando para acreditar a súa identidade, entre outros datos, o seu Número de Identificación Fiscal (NIF).

Tamén poderá solicitar a modificación do borrador da declaración persoalmente nas oficinas das Administracións tributarias das Comunidades Autónomas e Cidades con Estatuto de Autonomía que subscribisen coa Axencia Estatal de Administración Tributaria un convenio de colaboración para a implantación do sistema de portelo único tributario, nos termos previstos no devandito convenio.