Residencia habitual en territorio español
Normativa: Art. 9 Lei IRPF
Entenderase, de acordo co artigo 9 da Lei do IRPF, que o contribuínte ten a súa residencia habitual en territorio español cando se dea calquera das seguintes circunstancias:
- Que permaneza máis de 183 días, durante o ano natural, en territorio español.
Para determinar este período de permanencia computaranse as ausencias esporádicas, non sendo que o contribuínte acredite a súa residencia fiscal noutro país. Tratandose de países ou territorios cualificados regulamentariamente como paraísos fiscais, a Administración tributaria poderá esixir que se probe a permanencia no mesmo durante 183 días no ano natural.
Malia o anterior, para determinar o período de permanencia en territorio español non se computarán as estancias temporais en España que sexan consecuencia das obrigas contraídas en acordos de colaboración cultural ou humanitaria, a título gratuíto, coas Administracións públicas españolas.
Nota: Para delimitar as "ausencias esporadicas" teñanse en conta os criterios interpretativos que sobre os artigos 8.1.a) e 9.1.a) da Lei do IRPF estableceu o Tribunal Supremo nas súas Sentenzas do 28 de novembro de 2017 (núm. 1829/2017) e 1 de marzo de 2018 (núm. 334/2018), en relación con tributación dos beneficiarios de bolsas do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX) con estancia nun país estranxeiro para desenvolver as actividades propias da mesma.
- Que radique en España o núcleo principal ou a base das súas actividades ou intereses económicos, de forma directa ou indirecta.
Presumirase, agás proba en contrario, que o contribuínte ten a súa residencia habitual en territorio español cando, conforme aos criterios anteriores, residan habitualmente en España o seu cónxuxe non separado legalmente e os fillos menores de idade que dependan daquel .
Non se considerarán contribuíntes, a título de reciprocidade, os nacionais estranxeiros que teñan a súa residencia habitual en España pola súa condición de membros de misións diplomáticas ou oficinas consulares estranxeiras, ou por ser titulares de cargo ou emprego oficial de Estados estranxeiros, ou por ser funcionarios en activo que exerzan en España cargo ou emprego oficial que non teña carácter diplomático ou consular, sempre que, ademais, non proceda a aplicación de normas específicas derivadas dos tratados internacionais en que España sexa parte.