Individualización dos rendementos do capital inmobiliario
Normativa: Art. 11.3 Lei IRPF
Os rendementos do capital inmobiliario corresponden ás persoas que sexan titulares dos bens inmobles, ou dos dereitos reais sobre os mesmos, dos que procedan. Polo tanto, serán os mencionados titulares quen deberán incluír os correspondentes rendementos na súa declaración do IRPF.
No suposto de dereitos reais de gozo, o rendemento íntegro debe imputarse ao titular do mesmo . Así pois, se existe un usufruto, o rendemento íntegro debe declararo o usufrutuario e non o nó propietario.
Cando non resulte debidamente acreditada a titularidade dos bens ou dereitos, a Administración tributaria terá dereito a considerar como titular a quen figure como tal nun rexistro fiscal ou en calquera outro rexistro de carácter público.
Nos supostos en que a titularidade corresponda a varias persoas, os rendementos correspondentes ao ben inmoble ou dereito de que se trate, consideraranse obtidos por cada unha delas en proporción á súa participación na devandita titularidade. Por conseguinte, cada un dos cotitulares deberá declarar como rendemento a cantidade que resulte de aplicar ao rendemento total producido polo inmoble ou dereito a porcentaxe que represente a súa participación na titularidade do mesmo.
Matrimonios: en caso de matrimonio, os rendementos procedentes dos bens e dereitos que, de acordo coas disposicións reguladoras do réxime económico do matrimonio, sexan comúns a ambos os dous cónxuxes, corresponderán por metade a cada un deles (non sendo que se xustifique outra cota distinta de participación). Os rendementos procedentes de bens ou dereitos que, de acordo coas mesmas normas, sexan de titularidade privativa dun calquera do cónxuxes, corresponderán integramente a este.