Individualización dos rendementos de actividades económicas
Normativa: Art. 11.4 Lei IRPF
Conforme ao artigo 11.4 da Lei do IRPF, os rendementos das actividades económicas considéranse obtidos por quen realicen de forma habitual, persoal e directa as devanditas actividades, presumindose para estes fins, agás proba en contrario, que os devanditos requisitos concorren en quen figuren como titulares das mesmas.
No suposto de unidades familiares en que algún dos seus membros desenvolva actividades económicas, a normativa do IRPF delimita o tratamento fiscal das relacións que poden darse entre os membros da mesma unidade familiar en relación coas seguintes cuestións:
Prestacións de traballo entre membros da mesma unidade familiar
Normativa: Art. 30.2 2ª Lei IRPF
As retribucións polo traballo do cónxuxe ou dos fillos menores na actividade económica desenvolvida polo contribuínte, teñen a consideración de rendementos do traballo dependente para o perceptor e de gasto deducible para o pagador, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
- Acreditación suficiente de que o cónxuxe, ou fillo menor non emancipado, do titular da actividade económica traballa habitualmente e con continuidade na mesma.
- Convivencia do cónxuxe, ou fillo menor, co titular da actividade.
- Existencia de contrato laboral.
- Afiliación do cónxuxe, ou fillo menor, ao réxime correspondente da Seguridade Social.
- Existencia de retribucións estipuladas polo traballo desenvolvido, que non poden ser superiores (aínda que si inferiores) ás de mercado correspondente á cualificación profesional e traballo desempeñado polo cónxuxe ou fillos menores. Se fosen superiores, o exceso sobre o valor de mercado non será gasto deducible para o pagador.
Cesións de bens ou dereitos entre membros da mesma unidade familiar
Normativa: Art. 30.2 3ª Lei IRPF
Cando o cónxuxe ou os fillos menores do contribuínte que convivan con el, realicen cesións de bens ou dereitos que sirvan ao obxecto da actividade económica de que se trate, o titular da devandita actividade poderá deducir, para a determinación dos rendementos da mesma, a contraprestación estipulada pola devandita cesión, sempre que non exceda do valor de mercado e, a falta daquela , poderá deducirse este último.
Correlativamente, a contraprestación estipulada ou o valor de mercado consideraranse rendemento do capital do cónxuxe ou os fillos menores a todos os efectos tributarios.
Importante : a utilización de elementos patrimoniais comúns a ambos os dous cónxuxes por parte do cónxuxe que desenvolva unha actividade económica, non ten a consideración fiscal de cesión nin xera retribución algunha entre eles.
Particularidades nas actividades acollidas ao método de estimación obxectiva
Cando o titular da actividade económica determine o rendemento neto da súa actividade mediante o método de estimación obxectiva, non resultan en ningún caso deducible as retribucións estipuladas co seu cónxuxe ou fillos menores polo traballo que estes realicen ao servizo da actividade, xa que no citado método o rendemento neto determínase en función de signos, índices ou módulos obxectivos que xa prevén esta circunstancia.
Porén, se o cónxuxe ou fillos menores teñen a consideración de persoal asalariado para os efectos do citado método, as retribucións estipuladas teñen para eles o carácter de rendementos do traballo suxeitos ao Imposto.
De xeito análogo, tampouco resultan deducibles as contraprestacións (ou o valor de mercado, no seu defecto) correspondentes ás cesións de bens ou dereitos que o cónxuxe ou os fillos menores realicen para a súa utilización na actividade. Pola súa banda, as contraprestacións percibidas polo cónxuxe ou fillos menores teñen a consideración de rendementos do capital e como tales deben declararas.