Outras cuestións
Asignación tributaria á Igrexa Católica
A disposición adicional décimo oitava da Lei 42/2006, do 28 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2007 (BOE do 29 de decembro), establece que, con vixencia desde o 1 de xaneiro de 2007 e con carácter indefinido, o Estado destinará ao sostemento da Igrexa Católica o 0,7 por 100 da cota íntegra do IRPF correspondente aos contribuíntes que manifesten expresamente a súa vontade en tal sentido.
Con esta finalidade, enténdese por cota íntegra do IRPF a formada pola suma da cota íntegra estatal e da cota íntegra autonómica, recadros [0545] e [0546], respectivamente, da declaración.
En consecuencia, na declaración do IRPF do exercicio 2024 os contribuíntes poderán destinar o 0,7 por 100 da súa cota íntegra ao sostemento económico da Igrexa Católica, marcando cunha "X" o recadro [105] da declaración.
Asignación de cantidades a actividades de interese xeral consideradas de interese social
De acordo co que se establece na disposición adicional septuaxésimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2023 (BOE do 24 de decembro), o Estado destinará a subvencionar actividades de interese xeral consideradas de interese social o 0,7 por cento da cota íntegra do IRPF do exercicio 2024, correspondente aos contribuíntes que manifesten expresamente a súa vontade en tal sentido.
Con esta finalidade, enténdese por cota íntegra do IRPF a formada pola suma da cota íntegra estatal e da cota íntegra autonómica, recadros [0545] e [0546], respectivamente, do modelo de declaración.
Teñase en conta que, de acordo co que se establece no artigo 134.4 da Constitución Española, enténdense prorrogados para 2024 os Orzamentos Xerais do Estado para 2023.
En consecuencia, na declaración do IRPF do exercicio 2024, os contribuíntes poderán destinar un 0,7 por 100 da súa cota íntegra a actividades de interese xeral consideradas de interese social marcando cunha "X" o recadro [106] da declaración.
Segundo o artigo 2 do Real Decreto-lei 7/2013, do 28 de xuño, de medidas urxentes de natureza tributaria, orzamentaria e de fomento da investigación, o desenvolvemento e a innovación (BOE do 29 de xuño) son eixes das actividades de interese xeral consideradas de interese social, e como tales serán tidos en conta na determinación das bases reguladoras das axudas financiadas coa porcentaxe fixada do rendemento do IRPF a outros fins de interese xeral considerados de interese social, os seguintes:
- A atención ás persoas con necesidades de atención integral sociosanitaria.
- A atención ás persoas con necesidades educativas ou de inserción laboral.
- O fomento da seguridade cidadá e prevención da delincuencia.
- A protección do medio natural.
- A cooperación ao desenvolvemento.
- O fomento e modernización do Terceiro Sector de Acción Social.
No marco dos eixes fixados no apartado anterior, e en execución do previsto no artigo II do Acordo entre o Estado español e a Santa Sé sobre asuntos económicos, do 3 de xaneiro de 1979, as cantidades que hai que distribuír, obtidas da asignación da porcentaxe do rendemento do IRPF para outros fins de interese social destinaranse a actividades de interese xeral, entendendo por tales aquelas que contribúan a mellorar a calidade de vida das persoas e da sociedade en xeral e a protexer e conservar o medio, que poidan ser declaradas regulamentariamente como de interese social. A devandita porcentaxe será fixado anualmente na Lei de Orzamentos Xerais do Estado.
Para 2024 resulta aplicable a mencionada disposición adicional septuaxésimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2023 (BOE do 24 de decembro ), que establece que a contía total asignada nos orzamentos para actividades de interese xeral consideradas de interese social distribuirase aplicando as seguintes porcentaxes: O 77,72 por 100 ao Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, o 19,43 por 100 ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e o 2,85 por 100 ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Estas porcentaxes serán de aplicación sobre a liquidación definitiva practicada no propio exercicio 2024.
Teñase en conta que, de acordo co que se establece no artigo 134.4 da Constitución Española, enténdense prorrogados para 2024 os Orzamentos Xerais do Estado para 2023.
Importante: a asignación tributaria á Igrexa Católica é independente e compatible coa asignación tributaria a actividades de interese xeral consideradas de interese social. Polo tanto, o contribuínte poderá marcar tanto o recadro [105] (asignación tributaria á Igrexa Católica) como a [106] (asignación de cantidades a actividades de interese xeral consideradas de interese social); ou unha soa ou ningunha delas .
A elección de calquera das opcións anteriores ou a ausencia de elección, non terá custo económico algún para o contribuínte, polo que a cantidade que hai que ingresar ou a devolver resultante da declaración non se verá, en ningún caso, modificada.