Obrigas contables e rexistrais dos contribuíntes titulares de actividades económicas
Atención: ao final deste apartado ofrécese o acceso a un cadro resumo das obrigas contables e rexistrais que se comentan a continuación.
En xeral
Normativa: Arts. 104.2 Lei IRPF e 68 Regulamento IRPF
No ámbito do IRPF as obrigas contables e rexistrais dos titulares de actividades económicas estrutúranse de acordo co seguinte detalle:
A. Empresarios que desenvolvan actividades mercantís en estimación directa normal :
-
Contabilidade axustada ao disposto no Código de Comercio e ao Plan Xeral de Contabilidade.
Precisión: de acordo co que se dispón no Código de Comercio e no Plan Xeral de Contabilidade, aprobado este último polo Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro (BOE do 20 de novembro), os libros específicos que deben levarse son os seguintes: Libro de inventarios e Contas anuais, que se abrirá co balance inicial e en que deben facerse constar, polo menos trimestralmente, os balances de comprobación con sumas e saldos, así como o inventario de peche do exercicio e as contas anuais, e Libro Diario, que ten que rexistrar, día a día, todas as operacións relativas á actividade da empresa. O Real decreto 1515/2007, do 16 de novembro (BOE do 21 de novembro) aproba, como norma complementaria do Plan Xeral de Contabilidade, o Plan Xeral de Contabilidade das Pemes e os criterios contables específicos para microempresas.
B. Empresarios que desenvolvan actividades de carácter non mercantil en estimación directa normal e todos os empresarios en estimación directa simplificada :
-
Libro rexistro de vendas e ingresos.
-
Libro rexistro de compras e gastos.
-
Libro rexistro de bens de investimento.
C. Profesionales en estimación directa, en calquera das súas modalidades :
-
Libro rexistro de ingresos.
-
Libro rexistro de gastos.
-
Libro rexistro de bens de investimento.
-
Libro rexistro de provisións de fondos e suplidos.
D. Empresarios e profesionais en estimación obxectiva.
-
Libro rexistro de bens de investimento (unicamente os contribuíntes que deduzan amortizacións).
-
Libro rexistro de vendas e ingresos (unicamente os titulares de actividades cuxo rendemento neto se determine en función do volume de operacións, é dicir, titulares de actividades agrícolas, gandeiras, forestais accesorias e de transformación de produtos naturais).
En todo caso, os titulares deberán conservar, numeradas por orde de datas e agrupadas por trimestres, as facturas emitidas de acordo co previsto no Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, aprobado polo Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro (BOE do 1 de decembro), e as facturas ou xustificantes documentais doutro tipo recibidos, así como os xustificantes dos signos, índices ou módulos aplicados.Teñase en conta a recente modificación operada no citado Real decreto 1619/2012 polo Real decreto 1007/2023, do 5 de decembro, polo que se aproba o Regulamento que establece os requisitos que deben adoptar os sistemas e programas informáticos ou electrónicos que soporten os procesos de facturación de empresarios e profesionais, e a estandarización de formatos dos rexistros de facturación.
As entidades en réxime de atribución de rendas que desenvolvan actividades económicas deben levar uns únicos libros obrigatorios correspondentes á actividade realizada, sen prexuízo da atribución de rendementos que corresponda efectuar en relación cos seus socios, herdeiros, comuneiros ou partícipes.
Importante: agás os contribuíntes que desenvolvan actividades empresariais de carácter mercantil cuxo rendemento se determine na modalidade normal do método de estimación directa, o resto de contribuíntes do IRPF que realicen actividades económicas están obrigados a levar os libros rexistros que en cada caso determina a normativa do IRPF, aínda cando leven contabilidade axustada ao que se dispón no Código de Comercio.