Saltar ao contido principal
Manual específico para persoas con discapacidade

Para familias con dous fillos e fillas

Normativa: Art. 5. Tres. 1 Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado por Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo.

Contía e requisitos para a aplicación da dedución.

  • 250 euros, para os contribuíntes que, á data de devindicación do   IRPF, teñan dous fillos que xeren ao seu favor o dereito á aplicación do correspondente  mínimo por descendentes  establecidos pola normativa reguladora do   IRPF.

  • 500 euros, cando o contribuínte ou dalgún dos fillos que dean dereito a aplicar esta dedución teña un  grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.

    De acordo co artigo 3. Tres do Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, o grao de discapacidade terá que acreditarse mediante certificado ou resolución expedida polo órgano competente. En particular, considerarase acreditado un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %no caso dos pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez e no caso dos pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

    Igualmente, considerarase acreditado un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %cando se trate de persoas cuxa incapacidade sexa declarada xudicialmente, aínda que non acade o devandito grao, así como nos casos de dependencia severa e gran dependencia, sempre que estas últimas situacións fosen recoñecidas polo órgano competente, de acordo co que se establece no artigo 28 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

    Teñase en conta que, a partir da entrada en vigor da Lei 8/2021 de reforma do Código Civil, as referencias realizadas á incapacitación xudicial, esténdense ás resolucións xudiciais en que se establece a curadoría representativa das persoas con discapacidade.

  • Cando  máis dun contribuínte  teña dereito á aplicación da dedución respecto dos mesmos descendentes, o seu importe será  rateado  entre eles  por partes iguais.

Incompatibilidade

A presente dedución é  incompatible  coa prevista no punto seguinte, “Por familia numerosa”.