Vendas intracomunitarias a distancia
Con respecto ás vendas a distancia, cómpre destacar as modificacións introducidas con efectos 1 de xullo de 2021 polo artigo 10 do Real Decreto-lei 7/2021, do 27 de abril e o Real decreto 424/2021, do 15 de xuño, na tributación das entregas de bens, xeralmente contratadas a través de Internet, a consumidores finais efectuadas por provedores establecidos fóra da Unión Europea ou en Estados membros distintos ao de consumo.
As principais modificacións introducidas a partir do 1 de xullo de 2021 son as seguintes:
-
A modificación do réxime comunitario de vendas a distancia mediante a creación dunha nova categoría de entrega de bens, as vendas intracomunitarias a distancia. O novo réxime implica a tributación en destino das vendas intracomunitarias a particulares, agás as efectuadas polas microempresas establecidas nun único Estado membro que realicen vendas intracomunitarias a particulares doutros Estados membros de forma ocasional, que tributarán no Estado membro de establecemento ata acadar o límite de 10.000 euros (IVE excluído) e no Estado membro de consumo unha vez excedido o límite anterior, coa posibilidade de optar pola tributación en destino aínda non superado o límite.
O límite de 10.000 euros non será de aplicación cando as vendas a distancia intracomunitaria de bens sexan efectuadas, total ou parcialmente, desde un Estado membro distinto do de establecemento.
-
A implantación dun réxime especial de natureza similar ao réxime comunitario de vendas a distancia para as vendas de bens importados de países ou territorios terceiros, que incorpora unha exención na importación daqueles bens polos que o suxeito pasivo se acolla ao novo réxime de importación que se crea.
-
Elimínase a exención do IVE á importación para bens de escaso valor.
-
A implicación das plataformas dixitais na recadación do IVE reportado en determinadas vendas a distancia de bens importados e vendas localizadas no interior da Comunidade. Para iso, introdúcense as modificacións necesarias para consideraras suxeitos pasivos en determinadas operacións en que interveñan en que se considerará que reciben os bens do provedor e entréganos ao consumidor final. Con obxecto de evitar unha dobre imposición, a entrega do provedor á plataforma estará exenta e dará dereito a deducir.
-
A unificación do límite determinante da tributación en destino das vendas intracomunitarias a distancia e dos servizos de telecomunicacións, radiodifusión ou televisión e prestados por vía electrónica efectuada ou prestada polas microempresas establecidas nun único estado membro.
As modificacións anteriores complétanse coa ampliación, con efectos 1 de xullo de 2021, dos réximes de portelo único, mediante a substitución dos réximes especiais aplicables aos servizos de telecomunicacións, de radiodifusión ou de televisión e aos prestados por vía electrónica, polos seguintes:
-
O réxime exterior da Unión, aplicable aos servizos prestados por empresarios ou profesionais non establecidos na Comunidade a destinatarios que non teñan a condición de empresarios ou profesionais actuando como tales.
-
O réxime da Unión, aplicable aos servizos prestados por empresarios ou profesionais establecidos na Comunidade, pero non no Estado membro de consumo, a destinatarios que non teñan a condición de empresarios ou profesionais actuando como tales, ás vendas a distancia intracomunitaria de bens e ás entregas interiores de bens realizados nas condicións previstas no artigo 8 bis. b) da Lei do IVE.
-
O réxime de importación, aplicable ás vendas a distancia de bens importados de países ou territorios terceiros.
Como consecuencia dos cambios anteriores, o “Mini Portelo Único ”pasa a denominarse “Portelo Único ”ou “One-Stop Shop” (OSS) e créase a “Import One-Stop Shop” (IOSS), pasando a incluírse no portelo único desde o 1 de xullo de 2021, ademais dos servizos de telecomunicacións, radiodifusión ou televisión e os prestados por vía electrónica a consumidores finais, as seguintes operacións:
-
As vendas intracomunitarias a distancia de bens.
-
As vendas a distancia de bens importados.
-
Todos os servizos prestados a consumidores finais por empresarios ou profesionais non establecidos na Comunidade.
-
Todos os servizos prestados a consumidores finais por empresarios ou profesionais establecidos na Comunidade, pero non no Estado membro de consumo.
-
As entregas de bens localizadas no interior da Comunidade cuxo suxeito pasivo sexa unha interface electrónica de acordo co que se dispón no 8.bis.b) da Lei do IVE.
Os novos réximes complétanse coa introdución dunha modalidade especial para a declaración e pagamento das importacións efectuadas por aqueles empresarios ou profesionais que, cumprindo determinados requisitos e tendo dereito a acollerse ao réxime de importación, non se acollan ao mesmo.