Saltar ao contido principal
Exercicio 2024

As bases impoñibles

A base impoñible agregada dos principais impostos medrou un 6,9% en 2024, superando en seis décimas a taxa acadada en 2023 (Cadro 1.3 ). O crecemento enmárcase nun contexto económico caracterizado, como se viu, por dous trazos. Dunha parte, a positiva evolución da actividade ao longo do ano, como foron mostrando tanto os indicadores fiscais (as vendas diarias, as vendas mensuais de Grandes Empresas a poboación constante e as vendas trimestrais das Grandes Empresas e pemes societarias), como a traxectoria crecente do PIB en volume. Doutra , a continuidade da moderación dos prezos iniciados en 2023, tras as fortes tensións sufridas un ano antes.

Tras a revisión da demanda interior, indicador macroeconómico nominal máis relacionado coa evolución da base impoñible agregada, o perfil de ambas as dúas series aproximouse, como se pode observar no Gráfico 1.15. Aínda así, mánténse a brecha entre o crecemento das bases e o do indicador, como mostra o Gráfico 1.16 que recolle o comportamento de ambos os dous agregados nos últimos vinte e cinco anos, tomando como base o ano 2000.

Gráfico 1.15. Taxas de variación interanual da base impoñible agregada e a demanda interior

Gráfico 1.16. Evolución das bases impoñibles e da demanda interior, base ano 2000

Practicamente todo o maior aumento da base impoñible agregada débese ao incremento das rendas brutas dos fogares, que medraron un 8,5%, máis dun punto por riba do rexistro acadado en 2023. A base impoñible do Imposto sobre Sociedades mantivo un alto dinamismo, aínda que a un ritmo inferior ao de anos previos (10,8% en 2024, 11,4% en 2023 e 17,7% en 2022). En suma, as bases sobre as rendas incrementáronse un 8,9%, case un punto máis que o ano anterior. Pola súa banda, as bases asociadas ao gasto medraron un 4,1%, taxa similar a acadádaa un ano antes. O gasto suxeito a IVE aumentou un 5,7%, fronte ao 7,4% de 2023, con avances máis moderados dos seus compoñentes de volume e prezos, que rexistraron crecementos similares, arredor do 2,8 %. O valor dos consumos suxeitos a II. EE. volveu reducirse, aínda que con menos intensidade que en 2023 (-6,3% fronte ao-13,9% anterior), pola menor caída dos prezos dos produtos asociados ao petróleo e da electricidade.

O perfil da base impoñible agregada estivo condicionado pola temperá celebración da Semana Santa en 2024, feito que afectou negativamente á taxa do primeiro trimestre que se situou nun 4,8 %, para repuntar ata o 7% no segundo. En media, o crecemento no primeiro semestre foi dun 5,9 %, inferior ao 6,6 %do último trimestre de 2023. Entre xullo e decembro, en cambio, o crecemento das bases acadou o 7,7%, con melloras en todos os seus compoñentes (Gráfico 1.17).

Gráfico 1.17. Datos trimestrais en variación interanual da base impoñible agregada