6. Outros impostos
A recadación xerada por outras figuras distintas das principais acadou os 13.560 millóns en 2024, superando en 1.631 millóns o nivel de 2023, un 13,7% máis. As notables achegas do Imposto sobre a Renda dos non Residentes, do Imposto sobre o Valor da Produción da Enerxía Eléctrica e, en menor medida, do Imposto sobre as Primas de Seguros, foron contrarrestadas en parte pola caída de ingresos asociados ao Imposto Temporal de Solidariedade sobre as Grandes Fortunas.
Os ingresos no Imposto sobre a Renda dos Non Residentes (Cadro 6.1 ) aumentaron un 25,4% ata acadar os 4.329 millóns, superando en 817 millóns o xa elevado nivel de 2023. O dinamismo das rendas de capital, especialmente dos dividendos, explican o bo comportamento da recadación por retencións e ingresos a conta. Tamén incidiu sobre a recadación neta o menor volume de devolucións realizadas en comparación co ano previo, exercicio en que a existencia de devolucións extraordinarias reduciu de forma notable os ingresos netos. Pola súa banda, a achega da recadación da declaración anual foi negativa, ao reducirse os ingresos brutos en case un 12%.
Outro grupo de impostos que contribuíron de forma positiva ao aumento da recadación foi o dos impostos ambientais (Cadro 6.2 ), grazas á paulatina recuperación do Imposto sobre o Valor da Produción da Enerxía Eléctrica, que achegou case 900 millóns máis que en 2023 á recadación total. Este imposto estivo suspendido desde mediados de 2021 dentro das medidas para mitigar os efectos das subidas de prezos da electricidade. En 2024 recuperouse de maneira progresiva, de xeito que o retorno non foi completo ata o terceiro trimestre (no primeiro trimestre recuperouse un 25% e un 50% no segundo).
Os outros ingresos do Capítulo I contraéronse un 60,3%, pola escasa recadación do Imposto temporal de Solidariedade das Grandes Fortunas. A diminución destes ingresos debeuse aos cambios normativos que afectaron ao Imposto sobre o Patrimonio nalgunhas CCAA , de xeito que a maior parte dos ingresos que en 2023 xerara este imposto, configurado como complementario do outro, foron a parar á caixa desas CCAA . No resto de ingresos deste grupo, basicamente o Imposto sobre Transmisións Patrimoniais por obriga real en Ceuta e Melilla e o Imposto sobre Sucesións e Doazóns, a recadación aumentou un 14,7%.
No Capítulo II os ingresos polo Imposto sobre Primas de Seguros, unha das figuras cun peso relevante neste grupo de impostos, incrementáronse un 9,1%, 214 millóns máis (Cadro 1.6 e Cadro 6.4 ). Pola contra, os ingresos polos Impostos sobre Tráfico Exterior, a outra figura de maior peso deste grupo, sufriron unha moderada caída (-0,4%, Cadro 6.3 ), enlazando dous anos de descensos tras o notable aumento rexistrado en 2022 impulsado polas subidas de prezos. A recadación polo Imposto sobre Transaccións Financeiras aumentou un 25,5%, e a derivada do Imposto sobre Determinados Servizos Dixitais un 23,8%, achegando entre ambos os dous 123 millóns máis que o ano anterior. Parte destes elevados incrementos teñen a súa orixe nas menores devolucións asociadas aos axustes forais, que pola súa parte se derivan da progresiva asunción da xestión destes impostos por parte das deputacións forais. Así, no caso do Imposto sobre Transaccións Financeiras, en 2024 devolvéronse 17 millóns por axustes forais, fronte aos 78 millóns de 2023 e os 110 millóns de 2022. E no caso do Imposto sobre Determinados Servizos Dixitais, en 2022 o importe dos axustes forais foi de 11 millóns e en 2023 realizouse o último axuste por un importe de 5 millóns.
Os ingresos do Capítulo III ascenderon un 8,4%, superando por primeira vez desde 2015 os 2000 millóns (Cadro 1.6 e Cadro 6.6 ). Nas taxas, que aumentaron un 8,1%, o incremento concentrouse en dúas figuras: a Taxa sobre o Dominio Público Radioeléctrico e as taxas consulares. No referente ao resto do Capítulo III, os seus ingresos medraron un 8,7%, con evolucións positivas nos seus principais compoñentes (recargas, intereses e sancións).