3.1. Recadación tributaria bruta
A recadación tributaria bruta está constituída polos ingresos efectivos obtidos no exercicio, procedentes tanto das autoliquidacións presentadas polos contribuíntes como das liquidacións practicadas pola Axencia Tributaria. Responde, polo tanto, a un criterio de caixa.
A recadación bruta total xestionada pola Axencia Tributaria en 2016 acadou os 231.256 millóns de euros, cun incremento con respecto a 2015 dun 1,6 por cento.
Estímase que as bases medraron arredor do 4,3 por cento, aínda que hai que ter en conta que case dous puntos débense ao impacto alcista que teñen sobre a base do Imposto sobre Sociedades as medidas adoptadas no RDL 3/2016. O peso do crecemento recaeu nas rendas das familias (cun aumento estimado de arredor do 2,9 por cento) e no gasto suxeito a IVE (que medrou no medio do 3,7 por cento). Todo iso produciuse nun contexto económico de crecemento estable nas variables reais e de descenso dos prezos na maior parte do ano. Isto último afectou aos prezos enerxéticos, provocando unha significativa caída do valor das bases ligadas aos Impostos Especiais a pesar de que os consumos físicos mantiveron un crecemento estable.
Xunto á evolución das bases, as medidas normativas tamén repercutiron nos ingresos de 2016. En conxunto as medidas restaron aos ingresos 2.264 millóns de euros, destacando a súa concentración nalgunhas figuras e nalgúns períodos do ano. A reforma da imposición directa que tivo lugar en 2015 e 2016, supuxo unha diminución de ingresos de 6.489 millóns, que hai que sumar aos case 6.000 millóns de 2015. O impacto concentrouse na primeira parte do ano xa que o ano anterior parte da reforma do IRPF de 2016 adiantouse a xullo. Os pagamentos fraccionados do Imposto sobre Sociedades víronse afectados polo RDL 2/2016, con efectos a partir do segundo pagamento ingresado en outubro, que reintroduciu algunhas das medidas (pagamento mínimo, tipo incrementado) que estiveran vixentes en anos anteriores e que foran retiradas a comezos de 2016. O seu impacto estímase en 2.967 millóns que se ingresaron no último trimestre, de maneira que a evolución dos ingresos nesta figura foi moi negativa ata setembro e moi positiva nos últimos meses do ano.
No referente ao detalle dos ingresos, o crecemento de cada unha das grandes figuras foi distinto dependendo do impacto dos cambios normativos. É o caso dos ingresos por IRPF cun pequeno crecemento (0,6 por cento) ao estar afectado pola reforma do imposto. No Imposto sobre Sociedades rexistrouse un incremento dos ingresos dun 5,7 por cento, algo máis de 1.600 millóns, a maior parte achegada polos cambios normativos. Canto á imposición indirecta, o IVE medrou un 1,8 por cento destacando o forte crecemento, por segundo ano consecutivo, das pemes. Por último, nos Impostos Especiais o crecemento foi do 1,3 por cento, grazas aos avances en Hidrocarburos e Tabacos.
Cadro nº 12. Recadación tributaria bruta total (Anexo)