Saltar ao contido principal

Desarticulada unha organización criminal dedicada á introdución e distribución de droga en Badajoz

  • Realizados sete rexistros con nove detidos, oito deles en prisión

  • Intervidos sete quilos de cocaína, 112.000 euros, 20 vehículos de gran cilindrada e catro armas de fogo

  • Algúns vehículos contaban con ‘caletas’ para o transporte da droga

1 de abril de 2025.- Funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Extremadura e axentes da Policía Nacional adscritos ás comisarías de Badajoz, Cáceres e Don Benito, procederon o pasado 27 de marzo á detención de nove persoas pola presunta autoría dun delito de tráfico de drogas e organización criminal.

A investigación comezou a principios deste ano arredor dunha estrutura asentada na bisbarra de La Serena que presuntamente se dedicaba á introdución de importantes partidas de droga na rexión, para posteriormente distribuíra a outros traficantes de menor entidade.

Os investigados residían nas localidades de Don Benito, Villanueva de la Serena e Almendralejo. Os axentes observaron que os membros do grupo investigado tomaban numerosas medidas de seguridade nos seus desprazamentos e contactos.

A distribución de funcións estaba claramente xerarquizada e os seus membros tiñan cargos e misións perfectamente establecidos, utilizando sofisticados medios tecnolóxicos de comunicación e vehículos dotados de habitáculos ocultos no seu interior para asegurar o trasporte da droga dun punto a outro.

O pasado 24 de marzo, os investigadores tiveron a sospeita de que puidese producirse un traslado de substancias estupefacientes, polo que se intensificou o control, observandose como dous dos individuos investigados efectuaban manobras de contravixilancia nun polígono industrial de Don Benito, para finalmente facer de "lanzadeira" a outro vehículo.

Ao día seguinte, o principal obxectivo investigado levou desde a citada nave ata a localidade de Villanueva de la Serena unha bolsa de grandes dimensións que finalmente introduciu nun turismo dentro dun garaxe. Os investigadores mantiveron a custodia sobre este vehículo.

Coas preceptivas autorizacións, o pasado 27 de marzo procedeuse á entrada e rexistro nese lugar e outros seis inmobles vinculados a esta investigación. Levouse a cabo a detención de oito persoas, intervindo sete quilos de cocaína, máis de dous quilos e medio de substancia de corte, instrumentos e precursores para a extracción de substancias estupefacientes, catro armas de fogo (unha escopeta de calibre 12/70, unha escopeta de calibre 22, un rifle de calibre 30/6 e un fusil de calibre 5,56 con dous cargadores), numerosas xoias e 112.000 euros en efectivo. Tamén se incautaron 14 vehículos de gran cilindrada, tres motocicletas e tres embarcacións lixeiras de recreo.

Sistemas de ocultación da droga

Un dos turismos intervidos estaba dotado dun sofisticado dispositivo de ocultación para o transporte de drogas instaladas detrás da pantalla central do cadro de instrumentación. Así mesmo, nun dos rexistros domiciliarios, descubriuse un dobre fondo practicado nunha das paredes da casa e oculto tras un colgadoiro, en que se interviñeron 60.000 euros. A organización contaba tamén cun dispositivo para detectar localizadores que foi atopado noutra das inspeccións, canda útiles e cuños para a fabricación dos paquetes de cocaína.

Os investigados presuntamente rexentaban empresas con escasa actividade comercial, ao obxecto de dar aparencia legal aos ingresos obtidos co tráfico de drogas, continuandose coas pescudas neste sentido en relación coa investigación patrimonial e económica por parte de persoal especializado do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Extremadura. Destas investigacións, poden derivarse responsabilidades en materia de branqueo de capitais.

No operativo colaboraron persoal da Unidade Rexional de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Extremadura, axentes do Grupo I de Crime Organizado de Udyco Central e membros de Udyco IV Sevilla.

Os detidos do operativo, seis homes e dúas mulleres, de entre 23 e 50 anos de idade, tras a instrución do pertinente atestado foron postos a disposición da autoridade xudicial, decretando o ingreso en prisión de todos eles.

A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.

Filmación do operativo (para descargar o vídeo débese introducir o seguinte enderezo web):

https://we.tl/t-QfibztG72u