Clases de contribuíntes na imposición sobre a renda
Contribuíntes polo Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, polo Imposto sobre Sociedades e polo Imposto sobre a Renda de non Residentes
Ser residente fiscal en España ou no estranxeiro comporta obrigas tributarias diferentes. Os contribuíntes que teñen a residencia fiscal en España tributan pola súa renda mundial. En cambio, os que residen no estranxeiro só tributan en España polas rendas que se consideren obtidas en territorio español. En ambos os dous casos, a tributación ten que entenderse sen prexuízo das disposicións dun Convenio para evitar a dobre imposición que resulte aplicable.
Serán contribuíntes polo Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas as persoas físicas que teñan a súa residencia fiscal en territorio español. O período impositivo é o ano natural, sen que o cambio de residencia supoña a interrupción do devandito período. Polo tanto, unha persoa física será residente ou non residente durante todo o ano natural.
Serán contribuíntes polo Imposto sobre Sociedades as persoas xurídicas ou entidades que teñan a súa residencia en territorio español.
Serán contribuíntes polo Imposto sobre a Renda de non Residentes as persoas físicas e entidades non residentes en territorio español que obteñan rendas no mesmo.
A forma de suxeición a este imposto depende de se as rendas se obteñen mediante un establecemento permanente situado en territorio español ou sen mediación do mesmo.
No caso de rendas obtidas sen establecemento permanente, en xeral, a base impoñible está constituída pola contía íntegra reportada, sen deducir gasto algún.
Non obstante, os contribuíntes residentes noutro Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo co que exista intercambio de información tributaria (con efectos desde o 11 de xullo de 2021, as referencias normativas efectuadas a Estados cos que exista un efectivo intercambio de información tributaria enténdense efectuadas a Estados cos que exista normativa sobre asistencia mutua en materia de intercambio de información tributaria) poderán deducir, no caso de persoas físicas, os gastos previstos na Lei Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, e no caso de entidades, os previstos na Lei do Imposto sobre Sociedades, sempre que se acredite que están directamente relacionados cos rendementos obtidos en España e que teñen un vínculo directo e indisociable coa actividade realizada en España.
Así mesmo, o tipo de gravame xeral aplicable aos contribuíntes residentes noutro Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo co que exista intercambio de información tributaria (con efectos desde o 11 de xullo de 2021, as referencias normativas efectuadas a Estados cos que exista un efectivo intercambio de información tributaria enténdense efectuadas a Estados cos que exista normativa sobre asistencia mutua en materia de intercambio de información tributaria) é inferior ao aplicable ao resto de contribuíntes non residentes.