Novas medidas tributarias
O Real Decreto-lei 9/2024, do 23 de decembro, polo que se adoptan medidas urxentes en materia económica, tributaria, de transporte, e de Seguridade Social, e prorróganse determinadas medidas para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social, aproba determinadas medidas de carácter tributario, entre as que cómpre destacar as seguintes:
IRPF
-
Con efectos do 1 de xaneiro de 2025 elévase a 2.500 euros a contía total dos rendementos íntegros do traballo procedente do segundo e restantes pagadores que obrigan a presentar a declaración da renda, polo que non estarán obrigados a presentar a declaración de Renda aqueles contribuíntes con ingresos de ata 22.000 euros que teñan máis dun pagador sempre que a suma das rendas do segundo ou restantes pagadores non superen os 2.500 euros (ata agora eran 1.500 euros).
-
Prorrógase ata o 31 de decembro de 2025 a dedución por obras de mellora da eficiencia enerxética de vivendas.
-
Prorrógase ata o 31 de decembro de 2025 a dedución pola adquisición de vehículos eléctricos enchufables e de pila de combustible e puntos de recarga.
-
Con efectos do 1 de xaneiro de 2024 aplicarase a imputación de rendas inmobiliarias ao 1,1 por cento se os inmobles están localizados en municipios con valores catastrais revisados, sempre que entrasen en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2012.
Estimación obxectiva en IRPF. Réxime simplificado e réxime especial da agricultura, gandaría e pesca do IVE
-
Con efectos do 1 de xaneiro 2025 e vixencia indefinida, prorróganse durante 2025 os límites cuantitativos que delimitan no IRPF o ámbito de aplicación do método de estimación obxectiva, con excepción das actividades agrícolas, gandeiras e forestais, que teñen o seu propio límite cuantitativo por volume de ingresos. Tamén se prorrogan para o período impositivo 2025 os límites para a aplicación do réxime simplificado e o réxime especial da agricultura, gandaría e pesca, no IVE.
-
O prazo para presentar as renuncias ou revogacións do método de estimación obxectiva do IRPF e dos réximes especiais simplificados e da agricultura, gandaría e pesca do Imposto sobre o Valor Engadido, será desde o 25 de decembro de 2024 ata o 31 de xaneiro de 2025. Non obstante, serán válidas as renuncias e revogacións para 2025 que se presentasen entre o 1 e o 24 de decembro de 2024; tamén se poderán modificar as renuncias ou revogacións solicitadas nesas datas, ata o 31 de xaneiro de 2025.
IVE
-
Introdúcense determinadas medidas en relación cos depósitos fiscais de gasolinas, gasóleos e outros carburantes.
Imposto sobre sociedades
- Con efectos do 1 de xaneiro de 2025, prorrógase ao exercicio 2025 a liberdade de amortización para aqueles investimentos que utilicen enerxía procedente de fontes renovables.
Outros impostos
-
Atrásase ata o 1 de abril de 2025 a entrada en vigor do novo Imposto sobre os líquidos para cigarros electrónicos e outros produtos relacionados co tabaco. As autoliquidacións correspondentes aos períodos de liquidación dos meses de abril, maio e xuño de 2025, deberanse presentar do 1 ao 20 de xullo de 2025. Tamén se establece a regularización dos produtos obxecto do imposto almacenados á entrada en vigor do Imposto sobre os líquidos de cigarros electrónicos e outros produtos relacionados co Tabaco.
-
Introdúcense modificacións no Imposto sobre a marxe de intereses e comisións de determinadas entidades financeiras, con efectos para os períodos impositivos que se inicien desde o 1 de xaneiro de 2024, que afectan fundamentalmente ao período impositivo e á devindicación do imposto. Consecuentemente, adáptanse os prazos para efectuar o pagamento fraccionado e a autoliquidación do imposto.
Tamén se establece o réxime fiscal aplicable ao desenvolvemento e celebración dos finais da “UEFA Champions League Feminina 2024” e da “UEFA Europa League 2025”.
- Principais novidades tributarias introducidas polo Real Decreto-lei 9/2024, do 23 de decembro (BOE 24 de decembro), polo que se adoptan medidas urxentes en materia económica, tributaria, de transporte, e de Seguridade Social, e prorróganse determinadas medidas para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social (252 kB- pdf )
- Real Decreto-ley 9/2024, de 23 de diciembre,
por el que se adoptan medidas urgentes en materia económica, tributaria, de transporte, y de Seguridad Social, y se prorrogan determinadas medidas para hacer frente a situaciones de vulnerabilidad social.