Estimación obxectiva
O método de estimación obxectiva de rendementos para determinadas actividades económicas aplicarase (recadro 604 “Inclusión ”), nos termos que regulamentariamente se establezan, de acordo coas seguintes normas :
Primeira: Os contribuíntes que reúnen as circunstancias previstas nas normas reguladoras deste método determinarán os seus rendementos conforme ao mesmo, non sendo que renuncien (recadro 605) á súa aplicación, nos termos que regulamentariamente se establezan.
Segunda: O método de estimación obxectiva aplicarase conxuntamente cos réximes especiais establecidos no Imposto sobre o Valor Engadido ou no Imposto Xeral Indirecto Canario, cando así se determine regulamentariamente.
Terceira: Este método non poderá aplicarse polos contribuíntes cando concorra calquera das seguintes circunstancias, nas condicións que se establezan regulamentariamente:
- Que determinen o rendemento neto dalgunha actividade económica polo método de estimación directa.
- Que o volume de rendementos íntegros no ano inmediato anterior supere calquera dos importes que se establezan regulamentariamente
- Que o volume das compras en bens e servizos, excluídas as adquisicións de inmobilizado, no exercicio anterior supere as cantidades previstas regulamentariamente.
- Que as actividades económicas sexan desenvolvidas, total ou parcialmente, fóra do ámbito de aplicación do Imposto ao que se refire o artigo 4 da Lei reguladora.
Cuarta: O ámbito de aplicación do método de estimación obxectiva fixarase, entre outros extremos, ben pola natureza das actividades e cultivos, ben por módulos obxectivos como o volume de operacións, o número de traballadores, o importe das compras, a superficie das explotacións ou os activos fixos utilizados, cos límites que se determinen regulamentariamente para o conxunto de actividades desenvolvidas polo contribuínte e, se é o caso, polo cónxuxe, descendentes e ascendentes, así como por entidades en réxime de atribución de rendas en que participen calquera dos anteriores.
Quinta: Nos supostos de renuncia (recadro 605) ou exclusión (recadro 607) da estimación obxectiva, o contribuínte determinará o rendemento neto de todas as súas actividades económicas polo método de estimación directa durante os tres anos seguintes, nas condicións que regulamentariamente se establezan.