Incompatibilidades xeradas polo réxime simplificado (módulos)
O suxeito pasivo que estea en réxime simplificado unicamente pode estar ao mesmo tempo, por outras actividades que realice, no réxime especial da recarga de equivalencia (réxime obrigatorio) e / ou no réxime especial da agricultura, gandaría e pesca desde que non renuncie a este último.
En consecuencia, un suxeito pasivo non pode estar en réxime simplificado se ten algunha actividade en réxime xeral, no de axencias de viaxe, no de bens usados, no de ouro de investimento, no de servizos prestados por vía electrónica ou no réxime especial do grupo de entidades.
Non obstante, cando un suxeito pasivo que estivese realizando unha actividade empresarial en réxime simplificado, inicie outra á que sexa aplicable o réxime xeral ou un especial incompatible co simplificado, durante o ano natural en que iniciou a nova actividade seguirá tributando, pola actividade que xa exercía, no réxime simplificado.
Así mesmo, se á actividade nova que inicia forlle aplicable o réxime simplificado e renuncia a este, durante o ano natural en que se iniciou a nova actividade seguirá no simplificado pola actividade empresarial que desenvolvía con anterioridade.