Dedución por maternidade e incremento por gastos de gardaría
Coñece as novidades relativas á dedución por maternidade tras a súa modificación desde o 1 de xaneiro de 2023, así como as relativas ao incremento por gastos de gardarías tras a Sentenza do Tribunal Supremo do 8 de xaneiro de 2024.
Incremento por gastos de gardarías ou centros de educación infantil
O importe da dedución por maternidade poderase incrementar ata en 1.000 euros adicionais cando o contribuínte que teña dereito á mesma satisfixese no período impositivo gastos de custodia do fillo menor de tres anos en gardarías ou centros de educación infantil autorizados.
O incremento da dedución por gastos de custodia en gardaría ou centros de educación infantil autorizados calcularase de forma proporcional ao número de meses en que se cumpran de forma simultánea os requisitos e terá como límite o importe total do gasto efectivo non subvencionado satisfeito no devandito período en relación con ese fillo.
É importante destacar que, a raíz da Sentenza do Tribunal Supremo do 8 de xaneiro de 2024, poderán aplicar este incremento non só as nais que leven os seus fillos a un centro de educación infantil autorizado pola Administración educativa da Comunidade Autónoma, senón tamén as nais que os leven a gardarías que conten coa autorización do concello que resulte precisa para a apertura e funcionamento da actividade de custodia de menores en gardarías, segundo as disposicións normativas aplicables a este tipo de centros.